A aceleradora está deseñada para fomentar a creación e consolidación de iniciativas empresariais en sectores estratéxicos como a economía verde, azul, laranxa, amarela e prateada. O programa está aberto a tres grandes grupos de persoas destinatarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: persoas emprendedoras interesadas en crear e impulsar os seus proxectos empresariais de economía social; proxectos de economía social promovidos por empresas do territorio transfronteirizo xa creadas e en fase de consolidación que queiran acelerar os seus proxectos ou alcanzar un salto de escala; e empresas constituídas baixo outras fórmulas xurídicas que desexen transformarse en empresas de economía social.
A Universidade de Santiago de Compostela, como institución de referencia na xeración e transferencia de coñecemento, reforza con esta iniciativa a súa aposta polo emprendemento e a economía social como motores de desenvolvemento sostible e innovación. A través de ES-Factory USC-Impulsa, non só ofrece recursos e acompañamento aos emprendedores, senón que tamén contribúe activamente á creación dun tecido empresarial comprometido coa transformación social e o crecemento económico sostible.
As accións realizadas baixo o proxecto 0259_ES_Factory_1_E están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea.