A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou hoxe o Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa, onde destacou que este mes de xaneiro se comezarán a tutorizar os 15 proxectos seleccionados no marco da aceleradora de economía social Xunta Impulsa, que acollerá precisamente o Polo arousán. Trátase dunha iniciativa de formación e asesoramento que se completará con sesións de mentoría especializada e que está encadrada no proxecto transfronteirizo ES-Factory, de cooperación Galicia–Norte de Portugal e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Destacando a variedade das iniciativas elixidas, Mariño sinalou que proceden de toda Galicia e que predominan as do ámbito educativo ou cultural, así como as que dan protagonismo ao rural e á natureza no campo da produción agroalimentaria, da gastronomía, do lecer ou da cosmética. Tamén está representado o ámbito do deporte, o do benestar ou o sector TIC.
Segundo apuntou a directora xeral, a aceleradora de economía social desenvolverase ata o mes de abril, tanto con sesións presenciais no Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa como con outras telemáticas, para culminar nun acto final de posta en valor dos proxectos e dos avances acadados grazas ás sinerxias xeradas entre as distintas persoas participantes.
Balance do Polo de Vilanova
A representante autonómica aproveitou a visita —na que tamén estivo o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán— para poñer de relevo a labor do Polo vilanovés, destacando que, desde a súa posta en marcha en novembro de 2024, atendeu uns 270 proxectos e promoveu a creación de prcase unha vintena de empresas. Todo isto no marco das máis de 5.300 iniciativas asesoradas no conxunto dos 15 Polos repartidos por toda Galicia.
Así, o equipo técnico do centro vilanovés realizou unhas 650 sesións de titoría gratuítas e individualizadas co fin de dar resposta ás persoas emprendedoras que acudiron ás instalacións (un 55 % delas, mulleres), adaptándose ás fases concretas dos seus proxectos. Nese sentido, cabe destacar que máis dun terzo atopábase na fase de definición do modelo de negocio.
Por sectores, destacan as actividades administrativas e servizos auxiliares (20 %), seguidas das actividades artísticas e de entretemento (13 %), da hostalaría (12 %) e doutros servizos (12 %). En canto ás actividades, o Polo de Vilanova organizou máis de medio centenar, entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.