O Mercado de Abastos de Santiago de Compostela acollerá entre febreiro e maio de 2026 un innovador programa de espazos efémeros de emprendemento, unha iniciativa completamente gratuíta que busca impulsar novas actividades de economía social no territorio transfronteirizo.
O programa, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do proxecto Interreg VI España-Portugal, ofrece aos participantes unha experiencia real de venda e asesoramento integral para perfeccionar os seus modelos de negocio.
As empresas seleccionadas disporán de apoio personalizado en estratexia comercial, técnicas de comunicación e negociación, ademais de asistencia técnica na montaxe dos seus espazos. A actividade inclúe unha campaña de promoción tanto online como offline.
As xornadas celebraranse en cinco convocatorias:
- 6-7 de marzo
- 13-14 de marzo
- 8-9 de maio
- 22-23 de maio
- 29-30 de maio
(*Sempre o venres completo e sábado pola mañá)
En cada edición participarán cinco empresas, que contarán con tempo de exposición ao público, presentacións e sesións de asesoramento con titores especializados.
Os emprendedores interesados poden inscribirse a través do seguinte formulario ata o 26 de xaneiro.
